Friday 10 de May de 2024

Nova composición do Goberno Local de Ordes


Ana Soneira pasa a ser concelleira de Deportes e Mocidade mentres que o alcalde asume as funcións propias de Obras e Infraestruturas. A edil Susana García pasa a formar parte da Xunta de Goberno Local

Ana María Soneira Liñares, primeira tenenta de alcalde e concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente pasa a asumir as áreas de Deporte e Mocidade. Por outra banda Obras e Infraestruturas pasan a xestionarse dende a propia Alcaldía.

Así se plasma no manifesto asinado polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, tras o abandono dos edís Beatriz Martínez Candal e Luis Caamaño Fraga do equipo do Goberno Local de Ordes, os cales pasan a considerarse concelleiros non adscritos da oposición.

Tamén se rexistran variacións na composición da Xunta de Goberno Local, que pasa a estar composta polo rexedor e os catro concelleiros do Goberno. A ela adhírese Susana García Gómez, deputada provincial e edil de Educación e Benestar Social.